Pontellas dos Muíños de Trasmundi

Pontellas dos Muíños de Trasmundi

Información

Tipo: 
Ponte
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Melide - San Xoán de San Cibrao
Situación detallada: 
Muíños de Trasmundi
Cronoloxía: 
Indeterminada

Coordenadas

Latitude: 
42º 55´ 44´´ N
Lonxitude: 
8º 2´ 28,79´´ W
X: 
578.229,88
Y: 
4.753.363,15

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

O río Catasol (afluente do Furelos) amosa un excepcional valor paisaxístico e patrimonial, posto que conta nos seus dez kilómetros de percorrido cunha ampla densidade de muíños, pontellas e pasais, supoñendo un conxunto etnográfico que amosa á perfección a singularidade da arquitectura tradicional da Terra de Melide. Este río de escaso caudal nos meses estivais, pero que o incrementa de maneira exponencial coas enchentes, debido á estreitura do seu cauce, determinou que se "domesticase" o seu curso mediante presas e canles para o establecemento de muíños, ó tempo que provocou a realización de pasos para poder vadealo.

Exemplos deste tipo de arquitectura de paso son as cinco pontellas relacionadas cos dous muíños de Trasmundi, dúas delas construídas para atravesar o río e as tres restantes, para cruzar as canles de saída de augas dos dous rouchos.

A primeira delas sitúase augas abaixo do Muíño de millo (tamén coñecido como Muíño de Abaixo ou roucho de Abaixo), sobre a canle de saída de augas do rodicio. Consiste nunha arquitectura sinxela, pero o suficientemente ancha para poder atravesala cun carro. Consta de catro lousas colocadas "de par" e dispostas en sentido perpendicular ó desenvolvemento da canle, estando apoiadas en senllos estribos corridos que serven de delimitación das marxes da gabia.

A segunda ponte xa conta con maior porte, e sitúase máis próxima ó Muíño de Abaixo, aínda que neste caso realizouse para salvar o cauce do río. Esta estrutura consta de dous tramos diferenciados, posto que se adapta á singularidade deste treito do río, en cuxo centro se atopa unha pequena insua. O primeiro tramo, o da marxe leste, está constituído por dúas grandes laxes dispostas en liña, estando apoiadas en senllos estribos e nun piar central de cachotería rústica. O seguinte tramo, do lado oeste, só conta cunha gran laxe para facilitar o paso, que se desenvolve na mesma liña ou eixo que as dúas do tramo anterior. O tramo intercalado entre ambas partes da pontella, na zona da insua, está pavimentado moi rústicamente con pedras imbricadas e actualmente bastante descolocadas.

A terceira das pontellas xa se atopa nas inmediacións do Roucho de Arriba (ou de trigo), sobre a canle de saída de augas do mesmo. O estado de colmatación con terra e herba impide distinguir con claridade a súa estrutura, pero pode verse con todo que conta cunha gran laxe que cruza a gabia perpendicularmente, e que ademais a superficie presenta pedras pequenas dispostas en plano a modo de calzada. A continuación da pontiga, na súa marxe oeste, aparece unha pequena represa para darlle saída ás augas en caso de enchente.

A cuarta pontella sitúase igualmente nas inmediacións do Muíño de Arriba, entre este e a quinta pontella (que cruza novamente o río Catasol). Serve para cruzar un rego artificial. Está constituída por grandes laxes colocadas "de par" e dispostas en sentido perpendicular ó desenvolvemento do rego.  A terra e a herba que a cubre dificulta poder ver de cantas pedras está composta, pero pode verse que son de boas dimensións e que van apoiadas nuns estribos de cachotaría de desenvolvemento curvilíneo.

A última das pontes, como xa se dixo, serve para salvar o río Catasol. Trátase dunha estrutura sólida á par de sinxela, cuxo taboleiro está conformado por grandes laxes, moi alongadas e colocadas "de par" con disposición perpendicular ó curso do río. Ditas lousas de paso tamén se apoian en estribos de cachotaría embebidos nas marxes do río. Neste caso aparece bastante descoidada, posto que sobre a zona de paso verteuse entullos de construción, principalmente tellas dalgunha edificación.

Vemos por tanto que ademais dos dous muíños, existen outras estruturas concibidas para "domesticar" ó río Catasol, e que constitúen un conxunto de arquitectura popular moi interesante e singular.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio da Terra de Melide: O Río Catasol". Boletín nº 24 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2011.

 

Outros elementos do catálogo