Cruceiro de Vimianzo

Cruceiro de Vimianzo

Información

Tipo: 
Cruceiro
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Santiso - Santa María de Vimianzo
Situación detallada: 
Vimianzo
Cronoloxía: 
Século XIX

Coordenadas

Latitude: 
42º 52´ 53,46´´ N
Lonxitude: 
8º 0´ 7,32´´ W
X: 
581.499,14
Y: 
4.748.140,57
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

O Cruceiro de Vimianzo sitúase sobre un valo de de contención e peche dun prado, ubicado en fronte ó adro da vella igrexa parroquial de Santa María, actualmente (e lamentablemente) en estado de abandono e inicio de ruína, a unha distancia de 25 mts. ó sur-suroeste respecto á mesma.

Trátase dun fermoso cruceiro non figurado pero con un bonito deseño de liñas xeométricas e remates ornamentais. 

O basamento apenas é visible por estar oculto polas silvas pero consiste nun pedestal poligonal coas caras superiores achafranadas.

O fuste ou varal é bastante orixinal, e presenta sección cadrangular nos extremos superior e inferior con elementos decorativos a xeito de garras na parte inferior e de peras na superior preto da transición ó capitel; e sección octogonal no corpo central. A sección cadrangular superior aparece decorada cunha sucesión de arcos invertidos a xeito de guirnalda.

O capitel presenta planta cadrangular e perfís moldurados.

Por último a cruz destaca pola súa harmonía de formas e equilibrio compositivo. Presenta sección cadrangular nos seus traveseiros e remates florenzados a xeito de bonetes clericais. A cruz aparece recrucetada na cara que mira á igrexa, sendo completamente lisa a posterior.

Broz Rei comenta que "ten restos ilexibles da inscrición. Estivo policromado de azul, verde e siena. Foi movido de sitio cando se fixo recentemente unha pista. Vai a procesión pola Santa o 15 de agosto".

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Os cruceiros da Terra de Melide", publicado no Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide", publicado no ano 2001.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", publicado no ano 2013.

Outros elementos do catálogo