Pena Gulpilleira ou Pena Golpelleira

Pena Gulpilleira ou Pena Golpelleira

Información

Tipo: 
Patrimonio natural
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Toques - Santiago de Vilouriz
Situación detallada: 
O Marco
Cronoloxía: 
Sen definir

Coordenadas

Latitude: 
42º 56´ 45,23´´ N
Lonxitude: 
7º 54´ 40,28´´ W
X: 
588.825,38
Y: 
4.755.381,82
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

A Terra de Melide presenta ó longo da súa xeografía un número importante de penedías senlleiras e destacadas, que contan con lendas e folclore vinculante, e que polas súas formas destacadas na paisaxe foron empregadas como delimitadores territoriais de coutos, señoríos e parroquias. Un destes exemplos é a afamada Pena Gulpilleira da Serra do Careón.

Este afloramento natural sitúase na aba norte do Alto do Careón, a tan só 570 metros do collado ou vado natural por onde entra o Camiño Primitivo na provincia de A Coruña, e a moi escasos metros do límite municipal entre os Concellos de Toques (A Coruña) e Palas de Rei (Lugo).

Dende a Pena Gulpilleira hai unha fermosa panorámica dos Concellos de Toques e Melide, véndose moi nidiamente a vila de Melide, emprazada nunha penichaira entre serras e dorsais.

Antigamente a Pena Gulpilleira serviu, como xa se indicou, de elemento de delimitación territorial entre os Coutos de Moredo e de San Xoán do Hospital das Seixas, en base á súa óptima visualización.

Esta penedía defínese por ser un conxunto de crestas aristadas de gneis, que presentan encabalgamentos e liñas de fractura moi abruptas, entre as que se producen pequenos abrigos naturais, que puideron ser empregados como refuxio de golpes ou raposos, de aí podería vir ese topónimo tan característico. O certo é que tamén se comenta que serviron de refuxio a perseguidos, posto que hai quen sostén que serviu de acubillo a un bandoleiro denominado Pedro Mañá (que segundo recolleu o arqueólogo Javier Gómez Vila: "se refuxiaba nun burato ó carón de dita pena"), aínda que outras versións sosteñen que servíu de agocho a Ramón Rodríguez Varela "Curuxás", o mítico guerrilleiro antifranquista nado na veciña aldea de Vilamor (Toques). O certo que ambas hipótese non parecen demasiado plausibles, posto que os ocos existentes nos penedos non son o suficientemente grandes para servir de resgardo e agocho para persoas, sendo máis apropiados como tobos para raposos e outros mamíferos de pequeno tamaño.

BIBLIOGRAFíA:

- Broz Rei, Xosé Manuel. "Santantoíño de Toques", publicado no ano 2011,

- Gómez vila, Javier: " Prospección arqueolóxica do Camiño Primitivo de Santiago e da Vía romana XIX nos Concellos de Toques e Melide". Publicado no Boletín nº 8 do Centrode Estudios Melidenses- Museo da Terra de Melide, ano 1993.

Outros elementos do catálogo