Cruceiro do Barreiro
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Galería
Descrición
A unha distancia duns 50 metros ó SSO da igrexa parroquial de San Mamede do Barreiro, atópase o cruceiro da parroquia, aínda que enfronte á propia igrexa existe un cruceiro de fabricación actual.
O cruceiro vello sitúase nunha encrucillada situada onde a explanada do campo da festa, que se circunscribe ó espazo comprendido entre o templo e o cruceiro vello.
O cruceiro se encadra dentro da tipoloxía E establecida por Xosé Manuel Broz Rei, que se asocian ás formas máis sinxelas dos cruceiros existentes na Terra de Melide, e que os data a fins do século XVIII, todo o século XIX e con pervivencia no século XX.
A estrutura do cruceiro parte dunha grada ou banco de lousas de feitura cadrangular, sobre o que descansa a basa ou pedestal de forma troncopiramidal escasamente traballada, sobre a que se ergue o varal ou fuste que presenta extremos en sección cadrada e o desenvolvemento central en sección octogonal, ó contar coas arestas sesgadas en bisel.
O capitel é de tipo moldurado, carente de figuración, que semella ser posterior á execución orixinal do cruceiro, polo que tamén semella ter sido substituído por un capitel orixinal cuxa feitura posiblemente non había diferir moito do presente.
Xa por último, e referíndonos á cruz, sinalar que é de feitura sinxela carente de figuración e coas arestas cortadas en chafrán. Broz Rei, documenta como tradicionalmente “vai a procesión hastra o cruceiro polo patrón San Mamede, o 7 de agosto e tamén vai polo San Antón en xuño”.
BIBLOIGRAFÍA:
- Broz Rei, Xosé Manuel: “Os cruceiro da terra de Melide”. Publicado no Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983.
- Utrera Baza, Ángel: “Aproximación ós cruceiros de Melide na obra de Xosé M. Broz Rei do ano 1983”. Publicado no Boletín nº 34 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2021