Sartego medieval no Vilar

Sartego medieval no Vilar

Información

Tipo: 
Elemento singular
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Melide - San Martiño das Varelas
Situación detallada: 
O Vilar
Cronoloxía: 
Idade Media

Coordenadas

Latitude: 
42º 53´ 30,39´´ N
Lonxitude: 
8º 4´ 35,67´´ W
X: 
575.398,98
Y: 
4.749.210,18
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Na aldea do Vilar sitúase ó carón dun pozo oculto pola vexetación, un sartego de época medieval reaproveitado como pilón, abrevadeiro ou bebedoiro. Trátase dunha caixa de sartego de feitura trapezoidal, é dicir, que conta cun extremo máis ensanchado que o outro, correspondéndose a parte máis ancha á zona da cabeza do finado, e a máis estreita ó dos pes. Soe ser común que este tipo de caixas funerarias se reaproveiten para funcións relacionadas con usos da auga (bebedoiros, fontes,...) ou tamén como maseira para botarlle o alimento ós animais domésticos.

Esta caixa de sartego vese que foi reaproveitada como pía de auga, a xulgar polo rebaixe exisente no bordo superior do lado máis ancho, así como por contar cun burato pasante practicado como desaugadoiro. Tamén no lateral esquerdo conta con outro rebaixe sito no bordo superior da parede, semellante ó da cabeceira. 

O sartego está realizado nunha peza de granito e o seu estado de conservación é bastante bo, de non ser porque as paredes laterais aparecen rebaixadas en varias zonas, probablemente debidas á necesidade de reducir a súa fondura interior. Os extremos do sartego preséntanse moi rodados por erosión e desgaste.

As medidas exteriores da caixa son de 1,87 m x 82 cm na cabeceira e 72 cm nos pes. As medidas interiores son de 1,50 m x 48 cm na cabeceira e 40 cm nos pes. A altura exterior conservada é de 36 cm e a máxima altura conservada no interior é de 28 cm, no lateral dereito. 

Non se coñece a ubicación orixinal do sartego, pero de seguro procedería dalgún dos camposantos parroquiais da zona, tanto do Concello de Melide como do de Santiso, co que linda a aldea do Vilar, polo tanto non se pode determinar unha procedencia concreta.

Non se trata do único sartego exento existente na comarca, pero non son moitos os exemplos, sendo posiblemente o situado na parroquia de Serantes (aproveitado como pilón dunha fonte) o máis próximo.

Outros elementos do catálogo