Marco do Hospital
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Galería
Descrición
Trátase dun marco xurisdicional de época medieval ou moderna asentado sobre a Mámoa nº 1 da Necrópole Megalítica do Marco. Mámoas e marco sitúanse no mesmo vado ou collado da serra do Careón polo que discorre o trazado do Camiño Primitivo.
O Marco do Hospital elaborado en rocha metamórfica, presenta unha feituta triangular irregular e apuntada. Cunhas dimensións, visibles, de 1,60m. de altura por 80 cm. de ancho máximo e un grosor duns 25-30 cm. Na súa cara leste ten gravada unha cruz, mentres que na oeste presenta dúas.
Está situado sobre referida “mámoa 1” na súa metade leste (ó carón do cono de violación), cabería a posibilidade, por tanto, de que se trate dun chanto da mámoa reaproveitado e modificado en época histórica, para asumir esa función de marco.
Sobre o marco do Hospital, sábese por documentos que servía de fito xurisdiccional dos seguintes señoríos: Hospital das Seixas (pertencente á Encomenda de Portomarín), Coto de Moredo (pertencente ó Convento de Sanctispiritus de Melide), Coto de Goiás (pertencente á Casa de Corbelle e ó convento de Sanctispiritus de Melide), parroquia de Vilouriz (que era do Señorío da Casa de Ulloa ou Monterrei) e finalmente parroquias de Paradela e Brañas (pertencentes ó Mosteiro de San Antoíño de Toques).
Dende o marco divísanse os Penedos de San Nicolao, correspondentes cunhas penedías conformadas por afloramentos de seixo branco, onde fala a tradición que estivo asentado un Castelo rocheiro altomedieval, así como unha posterior capela baixo a advocación de San Nicolao.
BIBLIOGRAFÍA:
- Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio da Terra de Melide: O Marco do Hospital no Camiño Primitivo de Ovedo". Boletín nº 19 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2006.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", ano 2011.
- Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "As Pedrafitas ou Menhires de Andabao". Boletín nº 24 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2011.