Cruceiro do Meire

Cruceiro do Meire

Información

Tipo: 
Cruceiro
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Melide - San Pedro do Meire
Situación detallada: 
O Meire
Cronoloxía: 
Século XIX

Coordenadas

Latitude: 
42º 54´ 17,52´´ N
Lonxitude: 
7º 57´ 34,15´´ W
X: 
584.941,74
Y: 
4.750.775,48
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

O cruceiro parroquial do Meire localízase nunha encrucillada de pistas, en forma de X, por detrás da igrexa a unha distancia de 55 mts ó leste da mesma.

Trátase dun cruceiro de figura sinxela e pequeno porte, pero que conta coa particularidade de ser un cruceiro moi equilibrado  en canto á súa composición, e moi harmónico e canto á relación entre os seus elementos. Este cruceiro érguese sobre un pedestal de planta cadrada, con remates en moldura de media cana e baquetón (Broz Rei apunta que se asemella tipolóxicamente ó de Furelos e ós de Liñares e Ribadulla, estes dous últimos no termo de Santiso).

Neste pedestal insírexe o fuste ou varal, de sección cadrada nos extremos e octogonal no corpo central. No remate dos chafráns superiores, na transición á sección cadrangular, labráronse uns remates a xeito de garras. Tamén dicir que na parte inferior do lateral que mira á igrexa parroquial, amosa uns riscos incisos dispostos de xeito transversal un ó outro, que podería simbolizar un motivo cruciforme.

O capitel presenta sección cadrada igual que o pedestal e tamén ten perfís moldurados, parcialmente perdidos no esquinal suroriental por causa dunah fractura considerable.

A cruz carece de figuración, polo que presenta caras lisas e arestas achafranadas. Na actualidade acusa un manifesto desgaste.

Broz Rei apunta que os fregueses van ata el en procesión polo Corpus Christi e tamén pola festividade do San Ramón.

O emprazamento nunha encrucillada de pistas, tan afastada da aldea, semella moi axeitado para este tipo de elementos que contan cun destacado compoñente de protección dos camiñantes que segundo a tradición popular corrían o risco de atoparse cunha procesión de figuras errantes, propias dunha dimensión intermedia.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Os cruceiros de Melide", publicado no Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide", publicado no ano 2001.

Outros elementos do catálogo