Cruz do Corisco
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Galería
Descrición
Esta cruz de termo emprazada entre as parroquias de Santa María de A Capela e San Paio de Paradela, correspóndese cun delimitador territorial, con función de marco, situado nas proximidades do Alto do Corisco, e nas inmediacións do Camiño Real do Bocelo.
Coñécese a súa ubicación exacta gracias ás información do arqueólogo Enrique Álvarez Veira, aínda que a súa localización era coñecida polos veciños de maior idade das aldeas cercanas (Castro de Lobos e A Moruxosa).
Trátase dunha cruz gravada nun afloramento de granito de forma redondeada e escasamente sobresaínte do terreo, cuxas medidas son de 2,30 m. en sentido norte-sur e de 1,50 m. visibles en sentido leste-oeste, aínda que a rocha continúa baixo a capa de musgo e manto arbustivo. O motivo cruciforme atópase insculturado no extremo leste da peneda, aínda que resulta difícil de ver se as condicións de luz non son adecuadas, polo desgaste producido pola erosión e pola presencia de líquens nos seus trazos (factores que denotan a súa antigüidade). A cruz é tipo latina cos extremos engrosados, e os seus paus miden 11 e 14 cms respectivamente, sendo o ancho dos sucos duns 3 cms, e o fondo apenas sobrepasa o centímetro.
No Catastro do Marqués da Ensenada do ano 1752, no Interrogatorio da freguesía de Santa María da Capela, aparecen mencionados os límites do termo parroquial e cítanse entre outros ó Camiño Real do Bocelo e o Alto do Corisco, polo que esta Cruz de Termo podería estar en relación cos límites entre dita parroquia e a limítrofe (San Paio de Paradela).
A uns 80 mt. ó sur-suroeste tamén existe un marco de termo, carente de cruces, pero que igualmente actuaría como delimitador territorial.