Emprazamento da antiga igrexa parroquial de San Paio de Niñodaguia

Emprazamento da antiga igrexa parroquial de San Paio de Niñodaguia

Información

Tipo: 
Elemento arqueolóxico
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Malo
Concello - Parroquia: 
Santiso - San Paio de Niñodaguia
Situación detallada: 
San Paio
Cronoloxía: 
Anterior ó século XVI

Coordenadas

Latitude: 
42º 51´ 53,76´´ N
Lonxitude: 
8º 1´ 8,04´´ W
X: 
580.143,43
Y: 
4.746.282,76
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Na aldea de San Paio situábase a antiga igrexa de Niñodaguia, que no ano 1927 foi demolida e aproveitados os seus mateirais para a edificación da actual parroquial, ubicada en Portocelo. Xosé Manuel Broz Rei ten recollido referencias documentais que apuntan a que no ano 1561 esta igrexa era anexa do Convento de Sancti Spiritus de Melide, e que estaba rexida polos franciscanos da Orde Terceira de dito convento, e que a antiga igrexa foi reconstruída no ano 1792, substituíndo a outra anterior.

Tamén, en base a informacións dos veciños apunta que "estaba antes en San Paio e porque estaba moi arruiada e era pequena, trasladárona a Portocelo. Costeou todo a familia Penas da Casa de Quinzán, e seica que o retablo foi encargado en Santiago no taller do escultor Asorey".

Na actualidade non se observan en superficie vestixios da vella igrexa de San Paio, xa que no seu antigo emprazamento, nun outeiro situado no remate dun rechán proxectado sobre o curso do río Furelos, hoxe existen diversas edificacións, e onde estaba a igrexa construíuse unha pequena nave dunha granxa. Con todo os veciños desta aldea gardan o recordo da existencia, tanto do templo coma do seu camposanto, que estaba situado ó oeste do mesmo, no espazo que non foi edificado.

Na aldea existe unha casa que conta cun escudo de armas en moi bo estado de conservación, vertebrado en catro cuarteis. No primeiro aparece unha flor de lis cunhas incisións superiores a xeito de estrela e barras; un segundo cuartel cunha flor de lis ó carón dun caldeiro e sobre dúas varas; no terceiro cuartel vense catro varas e un caldeiro; e no cuarto unha lis sobre tres varas. Broz Rei considera que estas varas, a pesar da súa disposición en horizontal, representan ó apelido Varela "aínda que non se souberan tallar ben os seus símbolos", xa que toda a xenealoxía da casa ten relación con esta linaxe que se vincula a ela dende o século XVII.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A nobreza da Terra de Melide". Publicado no Boletín nº 5 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide", ano 1990.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", publicado no 2013.

- Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "A memoria do patrimonio desaparecido: parte 1ª: o patrimonio relixioso". Publicado no blog do Museo museomelideblogspot.com, ano 2016.

 

 

Outros elementos do catálogo