Edificación con tellado en archete en Trasfontao

Edificación con tellado en archete en Trasfontao

Información

Tipo: 
Arquitectura popular
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Melide - San Martiño de Moldes
Situación detallada: 
Trasfontao
Cronoloxía: 
Indeterminada

Coordenadas

Latitude: 
42º 52´ 52,02´´ N
Lonxitude: 
8º 1´ 56,61´´ W
X: 
579.020
Y: 
4.748.067
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Na aldea de Trasfontao aínda se conserva un dos poucos exemplos de edificacións tradicionais cun sistema de tellado en archete, ou archede, sendo xa moi poucos os exemplos conservados deste tipo de solucións arquitectónicas para compatibilizar as vertentes do tellado cun sistema da entrada ou acceso ó interior de maneira que a altura da porta non se vexa demasiado minguada.

No concello de Melide consérvanse edificacións con archetes no Casal de Campos, sendo o máis próximo a este de Trasfontao; na aldea do Leboreiro e tamén na de Vilaverde na parroquia de Xubial. No veciño concello de Santiso hai un non moi lonxe, pero en manifesto estado de ruína na aldea de Riazón pertencente á parroquia de San Román.

No caso que nos ocupa, en Trasfontao, vemos como a estrutura da edificación aínda se mantén en bastante bo estado, destacándose o sistema de cachotaría dos muros exteriores, que foron executados en aparello de gneis, denominado de xeito popular como ollo de sapo, sendo o mesmo material que se empregou para as xambas laterais da porta. Este tipo de aparello construtivo acada un resultado estético moi atractivo e visualmente agradable, debido ó contraste cromático das cores que van dende a gama dos grises ós ocres e tamén pola vistosidade dos “ollos” ou gránulos de seixo branco deste tipo de gneis ocelado.

O máis característico da entrada, tanto desta edificación como das que teñen un tellado en archete, é o emprego das características vigas arqueadas para propiciar o derrame a dúas augas deste tipo de sistema. Na entrada tamén se conserva a vella porta de táboas de dúas follas, concibida a modo de portalón. E, como elemento distorsionador por tratarse dunha remodelación realizada en tempos recentes, sería o propio sistema de cubrición da edificación que outrora foi de tella tradicional e na actualidade é de pranchas de fibrocemento.

Outro aspecto enormemente salientable deste tipo de vellas edificacións tradicionais que combinaban o uso doméstico de vivenda co de estabulación don gando doméstico (que acostumaban gardar en alpendres e cortellos situados ós lados do corredor da entrada) é a escaseza ou nulidade de xanelas, coa finalidade de evitar toda perda posible de calor, tendo en conta as estremas condicións de dureza climatolóxica dos invernos de antano.

Así pois, estamos asistindo no caso deste tipo de vivendas con archete, ó máis primitivo sistema de edificacións rurais que se manteñen na Terra de Melide e nos concellos desta área suroriental da provincia da Coruña. Estariamos pois ante un sistema de construción que probablemente poida retrotraerse ós tempos medievais, de aí a importancia e singularidade deste tipo de vivenda dos que apenas se conservan uns poucos exemplos.

No "Terra de Melide" do Seminario de Estudios Galegos, Vicente Risco xa fala deste tipo de solución de tellados, nos seguintes termos: "unha sorte especial de tellado é o archete, telladiño angular imitante ó das bufardas, que sobresai da vertente do tellado grande. O archete vai polo regular enriba dunha porta que da entrada ó pasadeiro ou a outro paso da casa. Din os peisanos que o archete faise cando o tellado é por aquela parte baixo de máis pra deixar vagantío pra a porta...O archete ármase con tres viguetas, dúas que van nos ángulos co tellado principal e outra que fai de cumio, e que apoian por adiante nunha tixeira. Das dúas vigetas de abaixo parten cara adiante dous tercios ou pontós paralelos ó cumio. A tixeira anterior soe levar por debaixo unha viga ou trabe encombada facendo arco, que se escolle xa atergo pra iste emprego. Por arriba desta armadilla, atravésanse as doelas". 

Nuns termos semellantes os describe Manuel Caamaño Suárez, como a continuación se recolle: "na cuberta aparece, nos casos de edificacións de muro baixos, un elemento orixinal propio desta tipoloxía, sobre todo nas terras interiores: o archete. Consiste nun pequeno tellado con cumio normal ó corpo básico, apoiado nun lintel de madeira quebrado (conformado a maioría das veces coa forma natrual que tiña na árbore), que ten como función logra-la altura suficiente para un facil acceso á dependencia de almacenamento que hai a continuación". E tamén o define como "telladiño en ángulo que sobresae da vertente do tellado xeral semellante a unha pequena gateira ou bufarda pero sen fiestra que peche o oco". 

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: “Etnografía de Melide”. Publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995.

- Caamaño Suárez, Manuel. "A casa popular" (Cadernos Museo do Pobo Galego 8), 1999.

- Risco, Vicente. "Estudo etnográfico da Terra de Melide" (Capítulo V do "Terra de Melide", Seminario de Estudos Galegos 1933).

 

 

Outros elementos do catálogo