Emprazamento da Capela de San Marcos de San Román

Información

Tipo: 
Elemento arqueolóxico
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Malo
Concello - Parroquia: 
Santiso - San Pedro de San Román
Cronoloxía: 
Indeterminada

Coordenadas

Latitude: 
42º 53´ 40,62´´ N
Lonxitude: 
8º 4´ 56,33´´ W
X: 
574.926,94
Y: 
4.749.520,76
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Na parroquia de San Pedro de San Romao, xa no linde coa de San Martiño das Varelas (Melide) e nas proximidades do seu Castro, existe unha zona recollida no Catastro como a Leira do Río Porto, unha zona na que se mesturan prados con masas de bosque de arborado autóctono. E dentro desa área existen varias parcelas que apuntan á existencia da desaparecida Capela. Consultando as referencias catastrais, e dentro do Polígono 010, no termo municipal de Santiso, vemos como esas referencias resultan inequívocas: San Marcos (parcelas 966, 970, 971 e 972) Capilla (parcelas 964, 965 e 967).

A referencia correspóndese coa antiga Capela de San Marcos, cuxa imaxe se atopa na actualidade na igrexa parroquial de San Pedro de San Romao. Existe unha referencia no Libro de Fábrica, datada no ano 1734 na que aparece “retejar la capilla del Señor San Marco”.

Moitas das referencias sobre esta capela se poden consultar no blog da Asociación Alverde (cuxas entradas sobre o patrimonio de Santiso son de enorme interese e de lectura obrigada) e en base a traballos de investigación de Miguel Ares Rúa. Así pois, no citado blog describe a Capela do seguinte xeito: “Na escaseza de datos fornecidos polos parágrafos anteriores, malia a todo, deixase entrever un pouco do que debeu ser a disposición interna da capela, a saber: dous altares colaterais con cadansúas imaxes neles, e que deberon desaparecer a finais do século XVII ou principios do século XVIII; unha soa porta, e tragaluz, máis un altar principal coa imprescindibel figura do santo de advocación da capela: o San Marcos. Así foi ata o ano 1741

[...]. Xa non se recuperaría a mesma, ou pouco, do seu progresivo deterioro, pois no ano 1753, doce anos máis tarde, repárase no indecente que está, así como que se atopa sen portas e falta de moitos reparos. Corre esta ermida en parte, unha sorte paralela ó da outra ermida de San Román, a da Nosa Señora do Pilar.

Manda a súa ilustrísima, o bispo de Mondoñedo, nese mesmo ano de 1753, que non se celebre o santo sacrificio da misa nela baixo pena de excomunión maior e multa de dous mil reais - tal era o seu estado- e entanto non se lle poñan as portas, se lle dé decencia, pechadura e chave, e se repare todo o demáis do que está necesitada, cousa que deben face-los veciños ó seu cargo e todo elo nun prazo de catro meses. Non todo se debeu facer mais algunha cousa sí, pois no ano 1763 gástanse 24 maravedís en arranxa-la chave da porta. A partir de aquí pérdese todo rastro da nosa capela.

 [...] No tocante a localización exacta da capela, coa axuda de todos e en particular de novo de Elena, poidemos identificar na parte baixa do agro de San Marcos unha leira de pequeno tamaño -non chega o ferrado- coñecida como "leira de San Marcos", e propiedade do obispado. Sobran os comentarios dada a contundencia do dato aportado neste caso pola microtoponimia”.

BIBLIOGRAFÍA:

- Ares Rúa, Miguel: “O Camiño Real ou Camiño dos Arrieiros de Santiso”. Publicado no Boletín nº 24 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2011.

- Ares Rúa, Miguel: “A Capela de San Marcos”. Publicado no blog asociacionalverde.blogspot.com, ano 2010.

- Broz Rei, Xosé Manuel: “Santiso na Terra de Abeancos”. Publicado o ano 2013.

- Broz Rodríguez, Xurxo e Vázquez Neira, Cristina: “Lenda de San Marcos de San Román”. Publicado na páxina web Galicia Encantada, ano 2019.

- Referencias orais recollidas por Elena Salgado Mariñán.

Outros elementos do catálogo