San Antoíño de Toques (A Capela)

Información

Tipo: 
Arquitectura relixiosa
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Toques - Santa María da Capela
Situación detallada: 
A Capela
Cronoloxía: 
S. XI-XIX

Coordenadas

Latitude: 
42º 58´ 41,36´´ N
Lonxitude: 
7º 58´ 59,01´´ W
X: 
582.918,89
Y: 
4.758.890,60

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Destacado conxunto patrimonial constituído pola igrexa prerrománica, ruínas do antigo cenobio beneditino, campanario exento e cruceiro, emprazado nunha fraga natural pola que discorre o río Toca.

Edifícase, por doazón do rei Don García,  no ano 1067, sendo o seu fundador o abade Tanoi e eríxese en abadía bieita independente. Aínda que no ano 1515 pasa a convertirse nun priorado dependente do mosteiro compostelán de San Paio de Antealtares e posteriormente de San Martiño Pinario, rexido por un prior baixo a obediencia do abade deste último.

Na igrexa aparecen elementos arquitectónicos de estilo visigótico (posiblemente dunha edificación anterior), e tamén mozárabe. Destácase a ábsida rectangular con decoración de arquiños lombardos, un friso de ladrillos dispostos en dentes de serra e unha imposta (cenefa) con decoración de follas. No interior destácase o arco triunfal sostido por columnas monolíticas rematadas en capiteis decorados con estrelas e esvásticas de raigame visigótica. Tamén son de gran relevancia o Calvario, de madeira policromada, do século XII, así como o amplo repertorio de pintura mural das paredes, datadas no século XV, do mesmo taller que as de Vilar de Donas.

Adosado á igrexa polo lado norte atópanse as ruínas das dependencias monásticas, entre as que discorre canalizado o río.

O mosteiro abandónase a principios do século XIX, como consecuencia dos procesos desamortizadores. No ano 1872 realízase a ampliación da nave, segundo figura nunha cartela situada no lenzo exterior, cando xa a igrexa estaba funcionando como templo parroquial. No espazo ocupado polas dependencias monásticas instálase en torno ó ano 1882, unha fábrica de puntas e arame, coñecida como "Unión Gallega", da que aínda se conservan restos dos fornos de fundición entre as ruínas.

BIBLIOGRAFÍA:

- Álvarez Carballido, Eduardo: "Monasterios olvidados: A Capela", publicado en Boeltín da Real Academia Galega, nº 9, ano 1907. (Traballo recollido no Boletín nº 22 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2009).

- Álvarez Carballido, Eduardo: "Monasterios olvidados: A Capela II (conclusión)", publicado en Boletín da Real Academia Galega, nº 9, ano 1907. (Traballo recollido no Boletín nº 22 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2009).

- Broz Rei, Xosé Manuel: "O Románico da Terra de Melide no Camiño de Santiago". Boletín nº 7 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1992.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", ano 2011.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio de Melide: As pinturas da Capela". Boletín nº 23 do Centr ode Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2010.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio de Melide: Pinturas murais da Capela". Boletín nº 24 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2011.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio da Terra de Melide: Visita a Santantoíño de Toques". Boletín nº 28 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2015.

- Carro, Xesús, Camps, Emilio e Fernández Oxea, Xosé Ramón: "Arqueoloxía relixiosa de Melide" en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.

- González Méndez, Matilde: "La revalorización del patrimonio arqueológico: la definición de un programa para el ayuntamiento de Toques". Xunta de Galicia, ano 2000.

- Platero Fernández, Carlos: "Arte Románico galego. San Antolín de Toques". Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983.

Outros elementos do catálogo