Fachada do Cine Capitol

Fachada do Cine Capitol

Información

Tipo: 
Arquitectura civil
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Malo
Concello - Parroquia: 
Melide - San Pedro de Melide
Situación detallada: 
Rúa do Progreso nº 13, Melide, San Pedro de Melide
Cronoloxía: 
1944-1945

Coordenadas

Latitude: 
42º 54´ 49,34´´ N
Lonxitude: 
8º 0´ 56,17´´ W
X: 
580.349,12
Y: 
4.751.702,16

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

No centro de Melide consérvase a fachada deste vello cine de estilo racionalista, deseñado polo afamado arquitecto da Xeración do 25 Alfredo Vila López.  O renome deste arquitecto confírelle, ó mesmo tempo, prestixio ó edificio. A data na que se fai o proxecto foi no ano 1944, sendo inaugurado ó ano seguinte.

A fachada deste edificio estrutúrase en tres corpos, no inferior atopábase a entrada ó cine, hoxe perdida na súa totalidade. Constaba dun amplo van no que se artellaban portas de apertura independente, sobre as que se situaban uns trabateis acristalados. 

Os corpos superiores destacan polo emprego de liñas netas, e neles ábrense xanelas de deseño xeométrico (rectángulos verticais e un óculo) e sobre elas aparece un lenzo cego no que figuraba o nome do cine. Finalmente coróase a fachada cun frontón partido de deseño pentagonal.

No interior do cine, aínda se garda a máquina que facía posible a proxección, da marca "Supersond".

Este cine  contou con diversos propietarios, sendo os dous primeiros pioneiros da industria do cine en Galicia, un deles foi Manuel Lens Ucar, natural de Vilalba e propietario dunha cadea de cines; residía en Ribadeo onde se estableceu para facerse cargo do Teatro Principal desa vila mariñá. Tamén o rexentou Maximino Rodríguez Mourenza, quen ademais era propietario do Cine Capitol de Chantada.

A pesar de que non foi o primeiro cine que houbo en Melide, xa que existiron tres locais nos que anteriormente se proxectaban películas e nos que se celebraban veladas teatrais, este foi o primeiro cine "profesional" posto que foi deseñado e concibido unicamente para tal fin.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rodríguez, Xurxo e Vázquez Neira, Cristina: "O Cine e as veladas no Melide de onte": Boletín nº 28 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2015.

- Cabo Villaverde, José Luís e Sánchez García, Jesús Ángel: "Cines de Galicia". Fundación Barrie, ano 2013.

 

 

 

Outros elementos do catálogo