Fonte do Arnao

Fonte do Arnao

Información

Tipo: 
Fonte
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Melide - Santa María dos Ánxeles
Situación detallada: 
Os Ánxeles
Cronoloxía: 
Indeterminada

Coordenadas

Latitude: 
42º 55´ 41´´ N
Lonxitude: 
8º 0´ 53,58´´ W
X: 
580.389,17
Y: 
4.753.295,84
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

A 200 metros ó sur das casas da aldea dos Ánxeles, seguindo por un camiño sen asfaltar, chégase ata unha pequena carballeira na que se localiza esta fonte de nome tan popular, que pode atribuirse a unha variante de lagarto, coñecida como lagarto arnal ou ferreño, que se tende a confundir co lagarto das silvas ou das silveiras (cuxa cabeza é de cor azul). Non se coñece se esta fonte tradicional ten asociado algún folclore específico vinculado a esta clase de reptís, tampouco se lle coñece ningún outro tipo de imaxinario relacionado con esta fonte. Os veciños refírense a esta fonte baixo dúas variables: Fonte do Arnao ou Fonte do Arnau.

O que se pode deducir desta fonte é que se trata dun sistema de aproveitamento sinxelo, á par de práctico, das augas dun manancial superficial. Aparece situada na marxe dereita do camiño que atravesa a carballeira e acubillada ó pe dun noiro do terreo. Correspóndese cunha arquitectura moi básica consistente nunha pequena arqueta encastrada na base do noiro, á que lle colocaron unha cana oca para facer de cano de saída. As augas verquen nunha pequena poza delimitada por pedras rústicas dispostas en arco, para a continuación drenar por medio dunha canle situada ó pe do noiro lateral que cingue ó camiño.

Os veciños dos Ánxeles indican que as augas da fonte son moi ricas, e que a xente adoita a ir por ela con regularidade, posto que é moi fresquiña no verán e morna nos meses de inverno (como tamén se dí das augas da Fonte de Roiríz na parroquia de Zas de Rei).

Tamén compre indicar que a uns 45 metros da fonte en dirección oeste (cara a aldea), existe outra fonte que permanece seca parte do ano, e que ten a particularidade de que presenta pedras de lavar, situadas en posición inclinada, e que segundo os veciños a esta outra fonte tamén se lle coñece como Fonte do Arnao.

Outros elementos do catálogo