Igrexa de Moldes
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Descrición
Trátase dunha moi interesante igrexa románica que foi obxecto de reformas moi desafortunadas no século XIX (ampliación do presbiterio, engadido da sancristía na parte leste e supresión da ábsida románica). Á marxe desas mutilacións, conserva na nave, de planta rectangular, interesantes elementos románicos atribuídos como obra do mestre Pelagio (datadas ó redor do ano 1190). Conserva dúas portas románicas, a principal cara ó oeste e outra cara ó sur. Na porta sur aparecen representados motivos vexetais nos capiteis e zoomorfos nas mochetas e tímpano. Na porta principal aparece un interesante compendio zoomorfo (bestiario con representación de animais reais e fantásticos). No tímpano da porta aparece representada dun xeito moi dinámico a escena de Sansón en loita co león. Tamén pode interpretarse como unha alegoría da loita do ben contra o mal.
No interior consérvase un arco triunfal de medio de punto que substituiu ó orixinal románico a finais do XVIII ou principios do XIX.
BIBLIOGRAFÍA:
- Broz Rei, Xosé Manuel: "O Románico da Terra de Melide no Camiño de Santiago". Boletín nº 7 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1992.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "As igrexas de Melide". Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio da Terra de Melide: Bestiario de pedra na Terra de Melide". Boletín nº 19 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2006.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio de Melide: O Románico de Moldes". Boletín nº 24 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terrade Melide, ano 2011.
- Carro, Xesús, Camps, Emilio e Fernández Oxea, Xosé Ramón: "Arqueoloxía relixiosa de Melide" en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.