O Castro

O Castro

Información

Tipo: 
Elemento arqueolóxico
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Melide - San Tomé de Castro
Situación detallada: 
Castro
Cronoloxía: 
Indeterminada

Coordenadas

Latitude: 
42º 55´ 44,16´´ N
Lonxitude: 
8º 1´ 35,39´´ W
X: 
579.440,29
Y: 
4.753.382,72
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Nesta ficha preténdese poñer en valor e situar no mapa a unha das antigas parroquias existentes no Concello de Melide, que mantén a entidade como parroquia civil, pero que perdeu a significación relixiosa toda vez que tanto a parroquia de Santo Tomé  de Castro e a de San Xoán de San Cibrao se “funden” nunha soa dando lugar á actual fregresía de San Xosé das Cazallas.

Ó igual que da segunda das parroquias, a de San Cibrao, se coñece onde estaba a igrexa parroquial, no lugar da Torre (no que aínda se conserva a antiga casa reitoral), no caso de Castro descoñécese onde estaba a igrexa. Como refire Xosé Manuel Broz Rei, a parroquia de San Cibrao trasládase ás Cazallas no ano 1891 e como en base á consulta do Libro Becerro do Convento de Sancti Spiritus de Melide, extrae que en Castro “houbo unha Capela ou lugar adaptado pra celebrar misa polos franciscanos de Melide”.

Así pois descoñécese onde estaba a antiga igrexa e tamén resulta chamativo o topónimo da parroquia que nos leva a entender como unha derivación da verba latina Castra (Castro). Algúns lingüistas xa apuntan esa posibilidade, como refire Nicandro Ares Vázquez que nos rexistros civís aparece denominada como Cazallas que segundo el (segundo escribe Menéndez Pidal en Orígenes del Español, num.26/4, é voz mozárabe, que equivale á latina Castella, a cal é diminutiva de Castra, plural de Castrum ou sexa “Castro”. Na mesma liña se posiciona o lingüista local Joaquim Vázquez quen o considera como “derivado do latín CASTRUM e CASTELLUM que vai dar a CASTELO, que se refire moitas veces a castros pequenos e non a castelos medievais “residencias reais ou señoriais fortificadas”. Este estudoso cita varios exemplos a nivel comarcal que teñen como topónimo Castro, e como el ben di “todos eles se refiren a pequenos lugares e aldeas espallados en lugares altos, outeiros, que agochan restos de poboados castrexos”.

Reparando na topografía da aldea de Castro vemos como xusto antes das casas, a man dereita da pista que leva ata o lugar, existe unha superficie de forma oval lixeiramente elevada, que conta cunhas dimensións de 100 metros no eixo N-S e 75 metros no eixo L-O. Trátase dunha plataforma elevada, coa superficie aplanada e con caídas pola banda Norte, Oeste e Sur, mentres que no cuadrante Norleste aparecería situada nun plano máis baixo que nas propiedades lindeiras, sendo precisamente esa zona a que semella ter sido significativamente máis alterada. Se reparamos nos mapas de pendente e nas capas de sombreado do programa LIDAR (información xeográfica de Galicia), apreciamos como pola banda Oeste, do lado contrario da pista que leva ata as casas, se suceden por continuidade inmediata á mencionada “croa”, outras tres superficies aplanadas e escalonadas en bancadas, con caída dende o Leste cara ó Oeste. Así pois, na configuración do relevo e analizando a súa topografía, todo nos estaría evocando a existencia dunha croa situada no lado dereito da pista e de tres aterrazamentos, a xeito de antecastro, pola banda Oeste da pista, e anexionados ó primeiro.

Nesa liña e quizais aí podería (a falta dun estudo arqueolóxico máis amplo) ter existido un asentamento castrexo asociado á Idade do Ferro/Romanización, ou dunha castronela ou torre de periodización Altomedieval. Son hipóteses de traballo que deberan ser consideradas posto que de non existir un asentamento castrexo nas inmediacións da aldea de Castro, esta sería unha excepción respecto a outros lugares da comarca da Terra de Melide que concordan coa súa toponimia.

Consultadas as referencias do Catastro, vemos como en todas esas parcelas repítese o  topónimo Castro, así como Agro do Castro ou Prado de Castro.

BIBLIOGRAFÍA:

- Ares Vázquez, Nicandro: “Onomástica parroquial do Concello de Melide”. Publicado no Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993.

- Broz Rei, Xosé Manuel: “As igrexas de Melide”. Publicado no Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993.

- Vázquez Rodríguez, Joaquim: “Toponimia da comarca de Melide”.

Outros elementos do catálogo