Pazo de Santa María de Melide

Pazo de Santa María de Melide

Información

Tipo: 
Arquitectura civil
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Malo
Concello - Parroquia: 
Melide - Santa María de Melide
Situación detallada: 
Santa María de Melide
Cronoloxía: 
Mediados do século XVII

Coordenadas

Latitude: 
42º 54´ 42,26´´ N
Lonxitude: 
8º 1´ 32,06´´ W
X: 
579.537,89
Y: 
4.751.474,07
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Este pazo sitúase detrás da Igrexa románica de Santa María de Melide, e ao carón da vella escola (hoxe en estado de abandono). 

Trátase dun característico exemplo de edificación pacega erguida na Idade Moderna, que conta con elementos que amosan a grandeza de tempos pasados, aínda que na actualidade se atopa nun deplorable estado de abandono e ruína. De feito, a súa fachada está invadida polas hedras e estase desmoroando o tellado.

Correspóndese cun edificio de planta rectangular disposto en dúas alturas. O máis destacado da fachada é un fermoso patín de acceso ao primeiro andar da vivenda, composto por varanda e peitoril cegos (en vez do emprego de balaustrada), realizado con aparello de canteiría de granito. Sobre o peitoril dispóñense tres estilizadas columniñas que sustentan a cuberta do patín, que se correspende cunha prolongación do tellado da vivenda. A porta de entrada situada neste andar superior amosa xambas molduradas, o que lle aporta monumentalidade.

Os paramentos exteriores están encalados en branco e nalgunhas zonas conserva partes con pintura mural ornamental. En esquinais, xambas, linteis e antepeitos das fiestras emprégase o aparello de canteiría de granito, á vista.

No lado esquerdo do patín, á altura do piso superior aparece un escudo de armas que foi feito e  colocado na fachada a principios do século XX. Coroando o escudo aparece unha cartela na que se le o apelido Somoza, linaxe propietaria da casa, aínda que o cuartelado non se corresponde con esta linaxe, posto que se trata dunha copia dun escudo que figura na "carta de amparo" que se cita na casa de Casal de Campos; polo tanto os dous cuarteis do escudo non concordan co apelido Somoza que realmente debería representar tres flores de lis, seis dados con seis puntos cada un, unhas ondas de auga ó pe dos dados e un brazo cunha maza. 

Este pazo refíxose por completo a mediados do século XVIII, nun solar onde houbera un anterior do século XVI.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A nobreza da Terra de Melide". Boletín nº 5 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1990.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Etnografía de Melide". Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidense-Museo da Terra de Melide, ano 1995.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.

- Taboada Roca, Antonio: "Notas históricas" en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.

 

 

Outros elementos do catálogo