Portada da Capela de San Roque
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Descrición
Antiga portada norte da desaparecida igrexa parroquial de San Pedro de Melide, destruída no ano 1949. Nese ano edifícase a actual Capela de San Roque, con restos da vella parroquial e da tamén demolida Capela de San Roque (a antiga capela que se atopaba a 90m. ó oeste da actual).
A portada é un magnífico exemplo da arquitectura e escultura do románico do Camiño de Santiago. Conta con tres pares de columnas rematados por capiteis vexetais. Sobre xambas e columnas dispóñense as arquivoltas cunha profusa decoración de estética gótica (arquiños ou lóbulos, puntas de diamante e motivos florais). Tamén se destacan os cimacios con decoración de carácter vexetal, e no da esquerda aparece representada a cabeza dun lobo amarrando pola cola a un basilisco, ou dragón, que está devorando a un home.
Outro motivo a destacar é que nunha das arquivoltas da portada de deseño en zigzag, aparecen representadas sete veneras ou cunchas de vieira, o que indica a vinculación da vella igrexa co Camiño de Santiago.
No interior da capela exhíbense os sartegos, do século XV, dos notarios de Melide; Diego García, e Roi Lopes e a súa dona Aldara González, procedentes tamén da vella igrexa de San Pedro.
O retablo, de estilo neoclásico, que acolle a imaxe de San Roque, procede da antiga Capela de San Roque.
BIBLIOGRAFÍA:
- Broz Rei, Xosé Manuel: "O Románico da Terra de Melide no Camiño de Santiago". Boletín nº 7 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1992.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "As igrexas de Melide". Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio da Terra de Melide: A antiga igrexa parroquial de San Pedro". Boletín nº 18 do Centro de Estudios Melidense-Museo da Terra de Melide, ano 2005.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio da Terra de Melide: Bestiario de pedra na Terra de Melide". Boletín nº 19 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2006.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Vila de Melide", ano 2016.
- Carro, Xesús, Camps, Emilio e Fernández Oxea, Xosé Ramón: "Arqueoloxía relixiosa de Melide" en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.