Igrexa de santa María de Santiso

Igrexa de santa María de Santiso

Información

Tipo: 
Arquitectura relixiosa
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Santiso - Santa María de Santiso
Situación detallada: 
Eirexe
Cronoloxía: 
Séculos XVIII-XIX

Coordenadas

Latitude: 
42º 51´ 18,11´´ N
Lonxitude: 
8º 3´ 33,80´´ W
X: 
576.847,95
Y: 
4.745.145,43
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

A parroquia de Santa María de Santiso é a que lle da o nome ó termo municipal, que en verbas de Nicandro Ares deriva de "Sanctus Thyrsus, mártir de Apolonia na Frixia",o que nos indica que se trata dun antropónimo de raigame antiga, xa que se refire a un dos mártires dos primeiros tempos do cristianismo. 

A parroquia sitúase no extremo meridional do concello, correspondente a un área de terras baixas proxectada contra o curso do Ulla, e comprendida entre os regos de Belmil e do Porto, tributarios do mesmo.

A igrexa correspóndese cunha edificación de pequeno tamaño, que se asemella a unha capela, pero que con todo mantén a estrutura orixinal e presenta un bo estado de conservación. A estrutura conta con tres espazos: nave, presbiterio e sancristía adosada ó mesmo pola súa banda nororiental.

Polo exterior apréciase o aparello construtivo consistente en lenzos de cachotaría, con pezas de canteiría de granito en esquinais e enmarque das portas. Orixinalmente os muros estaban revocados e encalados. Á igrexa accédese a través de senllas portas de estrutura rectangular e con remate alintelado sostido por xambas laterais, unha situada no frontis e outra no lenzo sur. A porta principal presenta decoración moldurada en baquetón nos esquinais exteriores das xambas e do lintel. No corpo superior conta con dúas pequenas ventás saeteiras, nas mesmas fachadas nas que se sitúan os accesos. A fachada principal aparece coroada por unha pequena espadana provista dunha única troneira para acoller a unha campá. Dita espadana aparece coroada por unha cruz cimeira flanqueada por dous pináculos moldurados. No interior o máis destacable é o arco triunfal que serve de transición entre a nave e o presbiterio, que aínda que carece de deocración, conta con dous capiteis moldurados.

O  retablo é de estilo Neoclásico, datado no século XIX, composto por un corpo de tres rúas e dun ático de feitura triangular, a xeito de frontón.

BIBLIOGRAFÍA: 

- Ares Vázquez, Nicandro: "Onomástica parroquial do Concello de Santiso", publicado no Boletín nº 10 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1997.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", publicado no ano 2013.

 

 

Outros elementos do catálogo