Castro de Paradela

Información

Tipo: 
Elemento arqueolóxico
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Toques - San Paio de Paradela
Situación detallada: 
Paradela
Cronoloxía: 
Idade do Ferro

Coordenadas

Latitude: 
42º 58´ 50,94´´ N
Lonxitude: 
7º 56´ 57,78´´ W
X: 
585.660,98
Y: 
4.759.219,92
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

O castro de Paradela tamén coñecido como Castro de Montelén, sitúase a medio camiño entre o núcleo de Paradela e a elevada aldea de Montelén ubicada na mesma parroquia de San Paio. O castro sitúase nun outeiro en ladeira nas cotas descendentes da vertente do Couto de San Cidre. O castro emprázase a unha altitude comprendida entre os 550 e 540 m, nunha aba de pendente abrupta que se proxecta sobre o curso do rego Pequeno de Montelén, tributario do Furelos.

A descrición que del se fai no inventario do PXOM do Concello de Toques é bastante precisa, que se detalla nos seguintes termos:

Trátase dunha sinxela estrutura fortificada de forma lixeiramente oval e pequenas dimensións. O recinto central ou croa está arrodeado de muralla con parapeto interno de E a S e entrada polo SSE. No interior da croa aparece máis elevada a zona NW da mesma. É posible que tivese foxo (hoxe cegado e colmatado). O recinto central ten uns 100 m de eixo maior (E-W) e uns 80 de eixo menos.

A uns 30 m ó E do castro atópase un conxunto de tres ou catro niveis de aterrazamentos dispostos na zona media da ladeira. Estes aterrazamentos definen unha estrutura artificial orientada ó SE e dotada dun terraplén no lado W que se sitúa de forma concordante ca pendente natural do terreo. Ademais a uns 100 m ó SE do castro atópanse tres liñas de terrazas, a superior pechada por un foxo”.

Tamén resulta interesante a descrición que del se fai no “Terra de Melide” por parte do prehistoriador L. Cuevillas, quen tamén apunta que “no suleste apréciase un portelo de 2 m de ancho que fende por enteiro o parapeto e o terraplén e que semella estar flanqueado por lixeiros reviramentos da cerca cara ó interior. A disposición de ista entrada quizais corresponda a unha antiga porta do castro”. Así mesmo tamén recolle aspectos do folclore do castro e apunta tres referencias moi interesantes, como que “o tema das trabes, áchase eiqui baixo a forma de tres vigas; unha de ouro, outra de diamante e a terceira de alquitrán, que toupa en labaradas si se lle toca. As tres van dar ó Castro Pedro”. “Pol-o norte e ó pe do monte onde se asente a acrópole pasa un regato que se chama o río de Tras do Castro (está a referirse  Cuevillas ó Rego Pequeno de Montelén). Nil e nun pozo que se coñece pol-o Puzo Negro (un pozo de río situado augas arriba do pozo dos Castiñeiros), era onde os mouros que habitaban no castro levaban a beber ós seus cabalos”. “A tía Ánxela de Rendos contaba que na súa mocidade un día en que andaba en precura do gado polos terreos do castro, ouviu uns soídos coma de xouselos e campañillas que saína do fondo do castro”. Vemos pois que o Castro de Paradela é rico en folclore.

En canto á cultura material destacar que no Museo da Terra de Melide custódianse diversas pezas procedentes deste asentamento, entregadas a finais da década de 1970 e comezos de 1980 por alumnos da escola de Paradela, entre os que se destacan fragmentos cerámicos e obxectos líticos, sobresaíndo un pequeno idoliño ou figura pseudoantropomorfa de 4,5 cm de altura, 2,3 cm de ancho e 3,1 cm de grosor, que podería tratarse dun elemento de culto ou mesmo dun xoguete realizado en esteatita.

Para rematar compre indicar que hoxe o castro e os aterrazamentos situados por fora do recinto principal e ó sur do mesmo, apenas resultan visibles, posto que hai poucos anos foron replantados con eucaliptos, por iso non resulta posible a realización de fotos a non ser aéreas.

BIBLIOGRAFÍA:

  • López Cuevillas, Florentino: “Prehistoria de Melide”. Capítulo II do Terra de Melide. Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.
  • Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: “A escultura antropomorfa castrexa na Terra de Melide”. Publicado no Boletín nº 26 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2013.
  • PXOM de Toques: “Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Toques: Delimitación das áreas de protección integral e de cautela dos depósitos arqueolóxicos do Concello de Toques”. Ano 2007

Outros elementos do catálogo