Igrexa de Santa Mariña de Brañas

Igrexa de Santa Mariña de Brañas

Información

Tipo: 
Arquitectura relixiosa
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Toques - Santa Mariña de Brañas
Situación detallada: 
Brañas
Cronoloxía: 
Finais s. XII - s. XIX

Coordenadas

Latitude: 
43º 0´ 8,07´´ N
Lonxitude: 
7º 56´ 47,34´´ W
X: 
585.867,70
Y: 
4.761.602,28

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

A igrexa de Santa Mariña de Brañas trátase dun exemplo de arquitectura románica, datada a fins do século XII, ou inicios do XIII, que se viu moi modificada no século XIX. De feito, no ano 1875 refórmase por completo o frontispicio (fachada oeste) e constrúese a sancristía ampliando e desfigurando a ábsida. 

Nesta ficha quérense salientar os elementos da fábrica románica como son a ábsida, o arco triunfal e as saeteiras. Da ábsida destácanse o conxunto de canzorros presentes baixo o aleiro, tanto no lenzo norte (seis) como no sur (cinco), principalmente con motivos sinxelos (proas e nacelas).

Nos muros laterais da nave, baixo o aleiro, tamén vemos un conxunto de canzorros, trece no lenzo norte e outros tantos no sur, igualmente de proas e nacelas. No aleiro do lateral norte reaproveitase unha xanela saeteira procedente do modificado, ou desaparecido, testeiro da ábsida, presenta dous círculos nos extremos unidos por unha ranura biconvexa.

O arco triunfal situado entre a nave e a cabeceira, de medio punto dobrado, está sustentado por impostas, en lugar de capiteis. Estas impostas teñen decoración de guirnaldas e vexetais, e descansan sobre machóns carentes de todo tipo de decoración.

No pavimento da igrexa atópase unha lauda sepulcral de temática gremial, do antigo oficio dos ferreiros. Nela aparecen representadas unhas tenaces de volta (das que utilizan os ferreiros para suxeitar os ferros candentes) ademais dunha zafra sobre a que se martela.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "O Románico na Terra de Melide". Boletín nº 7 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1992.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", ano 2011.

- Carro, Xesús; Camps, Emilio e Fernández Oxea, Xosé Ramón: "Arqueoloxía relixiosa de Melide" en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.

 

Outros elementos do catálogo