Igrexa de Vitiriz
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Descrición
Trátase dunha igrexa singular na Terra de Melide, única no seu estilo, xa que conta con elementos únicos na comarca. Nela venérase á Virxe de Rocamador que é unha advocación francesa e conta cunha confraría moi antiga con estatutos datados no ano 1692.
Consta dunha nave de planta rectangular moi elevada e cabeceira cuadrangular.
No exterior conta con dúas portadas alinteladas, na principal (ó oeste), sobre mochetas figuradas disponse un tímpano de forma apuntada no que aparece Xesús crucificado flanqueado pola Virxe e San Xoán. Nos aleiros dos laterais norte e sur, dispóñense un total de corenta e catro canzorros con decoración xeométrica, floral, antropomorfa e zoomorfa. Pero o máis destacado do conxunto é un magnífico rosetón situado no testeiro da nave, profusamente decorado.
No cume da ábsida aparece a representación dun Agnus Dei servindo de base dunha cruz, ó igual que nas igrexas do Leboreiro (Melide) e Pezobrés (Santiso).
BIBLIOGRAFÍA:
- Broz Rei, Xosé Manuel: "O Románico na Terra de Melide no Camiño de Santiago". Boletín nº 7 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1992.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "As igrexas de Melide". Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio da Terra de Melide: Bestiario en pedra na Terra de Melide". Boletín nº 19 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2006.
- Carro, Xesús, Camps, Emilio e Fernández Oxea, Xosé Ramón: "Arqueoloxía relixiosa de Melide" en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.