Lavadoiros da aldea do Castro do Meire

Lavadoiros da aldea do Castro do Meire

Información

Tipo: 
Arquitectura popular
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Melide - San Pedro do Meire
Situación detallada: 
O Castro
Cronoloxía: 
Indefinida

Coordenadas

Latitude: 
42º 54´ 20,41´´ N
Lonxitude: 
7º 56´ 44,77´´ W
X: 
586.060,33
Y: 
4.750.878,66
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

A aldea do Castro do Meire é unha das aldeas máis elevadas do Concello de Melide, situada a unha altitude comprendida entre os 560 m e os 570 m sobre o nivel do mar. Emprázase na aba noroccidental do Monte do Castro, unha das máis destacadas elevacións e a máis meridional da Serra do Careón. Ademais do seu castro, no que tantos obxectos arqueolóxicos se teñen atopado por accións de laboreo, tamén é destacada por algunha das súas mostras de arquitectura tradicional.

Tamén é moi chamativo un conxunto hidráulico situado ó carón dunha casa tradicional de labranza e dunha palleira recentemente rehabilitada, que aproveita as augas dun pequeno rego de montaña no seu curso descendente dende as vertentes do Careón cara a cunca do río Seco.

En esencia trátase dun enxeñoso medio de aproveitamento dos caudais para ser utilizados como lavadoiros tradicionais unha vez que se procede ó remansado artificial das augas, para poder contar co caudal e a profundidade suficiente para ser aproveitado como tal.

Ó carón da pista asfaltada que leva dende o lugar do Castro de Arriba ó de Abaixo, atopámonos co primeiro dos lavadoiros, que conta con tres grandes pedras inclinadas para o lavado e o frotado das prendas, aínda que o fondo do estanque, pos cuestións de desuso, aparece bastante colmatado de sedimentos e gravas que impedirían un uso axeitado, de non levarse a cabo accións de mantemento.

O segundo dos lavadoiros está situado a uns 25 m máis arriba, é dicir en dirección leste. É máis pequeno que o anterior pero o seu estanque é máis fondo, o que permitiría unha maior comodidade. Este segundo lavadoiro na actualidade só se lle ve unha pedra de lavar, non sendo descartable que puidera contar cunha segunda, a xulgar polo espazo existente ó carón dela.

En complemento a estes pequenos lavadoiros de remanso, tamén existen outras solucións hidráulicas concibidas para adaptación á pendente, traducidas en pequenas represas a xeito de cascadas e tamén calellas ou gabias en galería cuberta para paso de auga.

Todo este conxunto adquire unha especial graza e singularidade por estar acompañado da típica vexetación de ribeira entre as que destaca arborado ripícola, loureiros reais e diversas especies de fentos asociadas a cursos de auga (falsos fentos, fentos reais, etc).

Outros elementos do catálogo