Ponte 1 de Catasol

Ponte 1 de Catasol

Información

Tipo: 
Ponte
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Melide - Santa María de Melide
Situación detallada: 
Catasol
Cronoloxía: 
Indeterminada

Coordenadas

Latitude: 
42º 54´ 28,43´´ N
Lonxitude: 
8º 1´ 52,15´´ W
X: 
579.087,24
Y: 
4.751.042,35
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

No curso baixo do río Catasol, afluente do Furelos, aínda existen seis muíños fariñeiros: dous en Catasol de Arriba (muíño de Pampín e muíño de Celestino) e outros catro en Catasol de abaixo (o muíño de Manuel de Pedro, muíño do Veciño, muíño de Martín e muíño da Folicheira, este último actualmente con funcións de vivenda turística rural). En Catasol de Abaixo existen dúas pontellas, unha que comunica os muíños de Pedro e o do Veciño (na marxe esquerda do río, co de Martín na marxe dereita), sendo esta a ponte referida nesta ficha. E a uns 50 m augas abaixo existe unha segunda pontella de maior porte, que comunica o muíño de Martín co da Folicheira, situado na marxe esquerda do río.

Ambas pontellas sitúanse nun treito moi abrupto do río Catasol, no que no inverno acostuman a producirse enchentes polo acusado incremento de caudal e porque o curso do mesmo é angosto e moi accidentado, existindo zonas de penedías que obrigan a serpentear os caudais e tamén a producirse unha sucesión de pequenas cascadas e pozos.

A pontella situada augas arriba presenta unha arquitectura sinxela á par de funcional, que conta con dous potentes estribos sustentantes sobresaíntes respecto ás marxes do río, en cuxo alzado se produce unha tendencia ó abovedamento, unha vez que as fiadas de cachotaría de pedra tenden a ir achegándose segundo se vai aproximando ó taboleiro superior, consistente en grandes chantas de rocha de gneis, dispostas en horizontal e cubertas na súa parte superior por unha capa de terra na que nace a herba.

Este tipo de pontellas soían carecer de varandas e de peitorís laterais pero nalgúns casos, como o que nos ocupa, contaban cun ancho suficiente para o paso dun carro, tendo en conta que neste tramo  do río resulta imposible facerse un vadeo polo leito do mesmo, debido á altura das marxes do cauce e tamén á irregularidade do seu fondo e acumulación notoria de caudais nos meses de chuvia, que producen rebordamentos puntuais do río.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: “O río Catasol”. Publicado no Boletín nº 24 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2011.

Outros elementos do catálogo