A Madorra

A Madorra

Información

Tipo: 
Elemento arqueolóxico
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Melide - Santa María de Melide
Situación detallada: 
A Madorra
Cronoloxía: 
Indeterminada

Coordenadas

Latitude: 
42º 54´ 35,82´´ N
Lonxitude: 
8º 1´ 37,74´´ W
X: 
579.411,47
Y: 
4.751.273,97
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Moi próximo á Igrexa de Santa María de Melide, a escasos 180 m ao suroeste, atópase unha elevación denominada A Madorra, cuxo topónimo nos remite enganosamente á Prehistoria. Trátase dun pequeno outeiro de planta tendente a circular que conta cunha superficie que rebasa os 3.000m2, superando por tanto as dimensións dunha mámoa. Sobre el especulouse coa posibilidade de se tratar dunha lomba ou asentamento dunha pequena torre, relacionada con funcións de vixilancia e control sobre o Camiño de Santiago con anterioridade á constitución do castelo que a Mitra Compostelá posuía na vila de Melide. Pero esta hipótese aínda non foi confirmada xa que non foi obxecto de ningún tipo de intervención arqueolóxica.

O outeiro presenta unha fisonomía cónica, en forma de túmulo, no que agroman afloramentos rochosos. Na súa superficie conta con abundante arborado, tanto autóctono como de repoboación, o que non impide unha visión bastante nídia da súa configuración. Mais non se aprecian en superficie elementos estruturais artificiais, a xeito defensivo, como poden ser parapetos ou liñas de foxo.

Todo ó redor se vincula cun relevo de tendencia aplanada, no que predominan os prados e as terras de labor, vertebradas en pequenas e medianas parcelas, nunha das que a finais da década de 1970 ou de comezos da de 1980 foi localizada unha pequena machadiña lítica, puída, de rocha xaspeada, que pertence ós fondos arqueolóxicos do Museo da Terra de Melide. Ese dato podería relacionar a elevación da madorra cun pasado vinculado a estadios da prehistoria, mais certamente se trata, con seguridade, dun outeiro natural e non dun túmulo megalítico prehistórico.

Outro dato quizais relevante é que A Madorra se asoma ó curso do rego da Taxea ou de San Lázaro (afluente do río Catasol), e que entre a igrexa parroquial de Santa María de Melide e O Carballal houbo na Idade Moderna unha capela e un hospital para leprosos que aínda se mantivo en pe ata o século XVIII. Hoxe en día, por sorte, aínda se garda a memoria do solar exacto no que se ubicaba, co cal sempre se podería realizar unha intervención arqueolóxica para poder determinar as características do conxunto hospitalario, que se situaba xusto na beira do trazado do Camiño Francés.

Outros elementos do catálogo