Ponte do Barreiro

Ponte do Barreiro

Información

Tipo: 
Ponte
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Melide - San Mamede do Barreiro
Situación detallada: 
Barreiro do Medio
Cronoloxía: 
Século XIX (1861)

Coordenadas

Latitude: 
42º 55´ 11,15´´ N
Lonxitude: 
8º 2´ 26,51´´ W
X: 
578.293,22
Y: 
4.752.351,21
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

A ponte do Barreiro sobre o río Catasol é unha das magníficas mostras de enxeñería civil que se trazan na década dos anos 60 do século XIX, durante o reinado da raíña Isabel II, co gallo da execución da rede de estradas do Estado. No ano 1861 realízase a estrada nacional Lugo-Santiago, e en torno ó 1867 teñen lugar as obras do tramo da estrada Betanzos-Lalín, no itinerario da vía A Coruña-Ourense.

Grazas a estas obras de execución da rede viaria erguéronse varias pontes na nosa comarca para poder salvar os accidentes dos cursos fluviais, tal é o caso da ponte de Trasmundi, a de Moldes e a Pontenova de Arcediago, no trazado da estrada Betanzos-Lalín; e da de Furelos (a ponte nova) e esta que nos ocupa do Barreiro. Son claros exemplos de obras moi ben deseñadas e executadas, que destacan pola súa perfección construtiva e tamén pola solidez e enorme capacidade de carga, posto que na actualidade aínda soportan tráfico de vehículos pesados, que non supón que ditas estruturas se resintan.

A ponte do Barreiro correspóndese cunha estrutura dun único arco apoiado en senllos estribos embebidos no terreo, e o suficientemente desenvoltos en lonxitude para poder acadar a cota necesaria de nivelación respecto á altura que define á calzada. Os estribos presentan planta en derrame achafranado, e neles apóiase o arco moi rebaixado que lle outorga unha especial singularidade á ponte, posto que o seu deseño obriga a un moi estudado nivel de execución e cálculo de empuxes e tensións.

Sobre o arco artéllase unha cornixa sobresaínte a modo de imposta corrida, e sobre a mesma descansa o peitoril de canteiría que serve de varanda. Ambos peitorís desenvólvense en proxección xeométrica debuxando en planta senllas "Y" confluintes, debido a que o ancho dos estribos sobrepasa o ancho suspendido do taboleiro da ponte sobre a arcada. 

En canto ó aparello en que están realizadas estas pontes de época isabelina, trátase de canteiría de granito perfectamente labrada, escuadrada e de caras perfectamente ben aplanadas, e que facilitan enormemente os traballos de superposición e ensamblado. 

Respecto o grao de conservación desta ponte, compre dicir que é bastante deficiente, a pesar de que a estrutura se mantén en bo estado de estabilidade e solidez, posto que está moi invadida pola vexetación que nace entre as xuntas das pedras e mesmo tamén pola perda de pezas dos seus peitorís, como pode verse no leito do río, onde inda hai unha peza de canteiría caída, que formaba parte del. Tamén compre sinalar que na beira surleste da ponte, na actualidade podemos observar un verquedoiro incontrolado de cascotes, plásticos e escombros de obra, que afean e contaminan a paisaxe e o medio natural.

As dimensións globais desta ponte son de 12,50 metros de longo, que son os que miden os peitorís que cinguen á calzada; dos que 7,65 metros se corresponden co espazo central que ocupa a arcada. A altura máxima da ponte dende o alto dos peitoría e de 5,50 metros. E a altura dos peitorís ou varanda oscila entre os 42cm. e os 65cm. de alto.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "O río Catasol". Publicado no boletín nº 24 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2011.

Outros elementos do catálogo