Pasais de Raído

Pasais de Raído

Información

Tipo: 
Ponte
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Melide - Santa María de Melide
Situación detallada: 
O Rañado/ Raído
Cronoloxía: 
Sen definir

Coordenadas

Latitude: 
42º 54´ 55,11´´ N
Lonxitude: 
8º 2´ 26,75´´ W
X: 
578.293,38
Y: 
4.751.856,20
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

En pleno trazado do Camiño  Francés, a unha distancia de 1,4 km dende a igrexa románica de Santa María de Melide, atopámonos con esta antiga pontella sobre o río Catasol, no tramo comprendido entre O Carballal e Raído. A pontella sitúase nunha paraxe de grande beleza na que predomina o arborado propio do bosque autóctono galego, aínda que por desgraza o antigo arborado está sendo talado por substitución de árbores de repoboación (eucalipto).

A pontella, mal chamada "pasais", atópase no curso baixo do Catasol (afluente do Furelos) e realizouse nunha data indeterminada coa finalidade de favorecer o paso de camiñantes mentres que os carros de vacas e as cabalerías vadeaban o  río nesta zona de escaso caudal.

Esta ponte é un dos elementos máis fotografados polos peregrinos que fan este tramo de camiño e que obrigatoriamente teñen que pisar as súas tampas do taboleiro superior, exceptuando os peregrinos que opten pola variante complementaria do Camiño Francés que discorre pola aldea de Penas.

A pontiga ou pontella resposta ós vellos modelos de habilitación de paso en zonas de escaso caudal, nas que non resulta preciso a realización de pontes propiamente ditas. Esta pontella está constituída por sete grandes chantas de gneis de gran tamaño que lembran os ortostatos ou chantos das cámaras das antas megalíticas e que se asenta sobre piares toscos de cachote do mesmo tipo de rocha, cuxa finalidade é a de soster as tampas, servíndolle de apoio e adaptarse ó fondo do leito de xeito que o taboleiro manteña tendencia horizontal. O ancho das chantas sitúase en torno a 1 metro, aínda que pode variar en función do seu desenvolvemento. A altura da pontella levanta tamén 1 metro respecto ó leito de area do vado do río.

Hoxe, polo vado fluvial, pasan ademais das cabalerías dos peregrinos que fan o camiño por este medio, o máis frecuente é o tránsito de tractores que durante os meses de inverno deixan fondas pegadas no propio Camiño de Santiago, contribuíndo á degradación do mesmo, polo que non sempre resulta doado conciliar diversos tipos de intereses e necesidades.

BIBLIOGRAFÍA:

Broz Rei, Xosé Manuel: “O Río Catasol”. Publicado no Boletín nº 24 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2011.

Broz Rei, Xosé Manuel: “O antigo Camiño de Santiago desde Melide ao Barreiro”. Publicado no Boletín nº 33 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2020.

Outros elementos do catálogo