Ponte vella de Furelos
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Galería
Descrición
Ponte sobre o río Furelos, mal chamada «ponte romana», xa que non é romana, senón medieval. Non se corresponde con obra de periodización romana, porque non presenta características construtivas desa época, nin por estar asociada ao itinerario dalgunha vía romana. É unha ponte medieval, citada no Códice Calixtino do século XII, pode por tanto, ser desa época.
Mide 50 m. de longo e 3,70 m. de ancho. Está formada por catro arcos desiguais de medio punto, feitos con aparello de perpiaño de granito, ao igual que os piares, tallamares e esporóns. O resto dos paramentos e peitorís están feitos con cachotería de rochas metamórficas. Nunha inapropiada restauración colocáronselle unhas albardillas modernas de cantería que non se corresponden coa estética medieval da ponte.
Está ao lado da igrexa parroquial de San Xoán de Furelos, que aínda que foi reedificada no século XIX, conserva elementos románicos de finais do S. XII ou inicios do XIII.
BIBLIOGRAFÍA:
- Broz Rei, Xosé Manuel: "O Románico na Terra de Melide no Camiño de Santiago". Boletín nº 7 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1992.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio da Terra de Melide: A Ponte de Furelos". Boletín nº 20 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2007.