Portada da Casa de Panadeiros

Portada da Casa de Panadeiros

Información

Tipo: 
Arquitectura civil
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Melide - San Xiao de Zas de Rei
Situación detallada: 
Panadeiros
Cronoloxía: 
Século XVI

Coordenadas

Latitude: 
42º 56´ 13,90´´ N
Lonxitude: 
8º 3´ 18,42´´ W
X: 
577.094,52
Y: 
4.754.273,33
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Na entrada da aldea de Panadeiros atópase un vello inmoble que sfriu importantes alteracións na súa estrutura orixinal, pero por sorte aínda conserva a vella portada e os blasóns que poñen de manifesto a importancia desta casa. 

Como refire don Antonio Taboada Roca (Terra de Melide, 1933): "o lugar de Panadeiros, fora adquirido pol-o familiar da Inquisición Xán Varela de Argíz, o cal tivera un fillo de palleiro chamado Goros López Verme, a quen llo deixara en virtude de cédula Real pra lexitimalo até tres centos ducados. O derradeiro, no 1609, trocou o dito lugar a Goros López Varela, pol-a metade do de Roiriz". E tamén dá conta que: "Doña Inés de Camba, herdou a Casa de Panadeiros e parte do lugar, por ser filla de Goros López de Roiriz e Doña María de Aguiar. Casou con Don Rodrigo da Ponte Freixomil, nativo do couto de Brives, nas mariñas de Betanzos".

Facendo Taboada Roca un pormenorizado estudo xenealóxico desta casa conta como unha tataraneta de Goros López Varela, chamada Antonia de Tovar: "a cal sucedeu na Casa de Panadeiros, casou con don Xan Antón Varela de Sotomaior, -fillo de Don Fernando Varela de Sotomaior e Doña Inés Varela do Corral, donos da Casa de Vilouriz (lugar situado tamén na mesma parroquia de Zas de Rei) -. Estes foron pais de Don Manuel, Don Pedro, e Don Xosé Varela Sotomaior, a quen o mesmo que os ditos irmáns, a Real Chancillería de Valladolí expideu Carta Executoria de Fidalguía e Nobreza no ano de 1755". 

A portada monumental desta casa sitúase na parte central da fachada principal e destaca polo seu aparell ode canteiría integrado nuns paramentos de cachotaría de pedra miúda. A porta sitúase nun plano máis elevado que o camiño que discorre por diante da fachada, que houbo que salvar mediante unha estrutura de chanzos escalonados, que ata hai poucos anos eran de feitura rectangular e na actualidade son semicirculares. 

A portada consta de dúas xambas de canteiría co esquinal achafranado e serven de apoio dunha arcada de medio punto constituída por cinco grandes doelas, e sobre a mesma poden verse senllos blasóns armeiros actualmente bastante erosionados.

O escudo da esquerda aparece remarcado pola cadea e candado dos varela e nos seus tres cuarteis reprodúcense os lises e varas dos Varelas, as rodas en forma de timón dos Camba; e un piñeiro manso e un año dos Cao Cordido. E o do lado dereito representa cinco barras en diagonal e tres troitas en cada extremo do apelido Gaioso.

Polo demais, no que respecta ós elementos estruturais e apertura da fachada principal, hoxe por hoxe non son obxecto de interese debido a diversas reformas que nela se realizaron, e que foron mudando a imaxe orixinal.

BIBLIOGRAFÍA:

-  "Arquitecturas da provincia da Coruña". volume XVII, "Comarca da Terra de Melide". Realizado polo Departamento de Composición da Escola Técnica Superior da UDC. Ano 2007.

-  Broz Rei, Xosé Manuel: "A nobreza da Terra de Melide". Publicado no Boletín nº 5 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1990.

- Taboada Roca, Antón: "Notas Históricas". Capítulo 3 do "Terra de Melide", publicado polo Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.

 

Outros elementos do catálogo