Antigo pedestal do cruceiro de Melide

Antigo pedestal do cruceiro de Melide

Información

Tipo: 
Elemento singular
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Melide - San Pedro de Melide
Situación detallada: 
Melide
Cronoloxía: 
Sen definir

Coordenadas

Latitude: 
42º 54´ 49,31´´ N
Lonxitude: 
8º 0´ 46,07´´ W
X: 
580.578,00
Y: 
4.751.703,68
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

O antigo pedestal ou basa do cruceiro gótico de Melide, hoxe atópase en desuso e fora de contexto. Aínda que non se trata dunha peza coetánea á cruz en pedra datada no século XIV, é o basamento máis antigo que del se coñece.

Esta peza descontextualizada atópase hoxe parcialmente oculta por un arbusto ornamental situado no xardín da banda oriental da Capela de San Roque, nunha situación máis ou menos acorde coa ubicación do cruceiro entre a década de 1960 (cando se traslada dende o Campo de San Roque) ata a de 1980 (cando se reubica no escenario actual) e se substitúe o basamento por unha plataforma escalonada de tres chanzos, realizada en cemento con aplacado de granito cortado en serradoiro de pedra, e que hoxe presenta abundantes desperfectos, especialmente pola banda occidental por mor da instalación de escenarios de orquestras.

Este elemento posiblemente se trate dunha pedra dun lagar, a xulgar polas escotaduras ou entalles que presenta nos cantos laterais, que indican claramente que se trata dunha peza reaproveitada. Na parte superior do pedestal realizóuselle un rebaixe ou oco de planta circular, para inserir o fuste ou varal do cruceiro, que aínda que é antigo, o máis probable é que tamén se trate dun elemento sustentante reaproveitado, posterior á execución da cruz no século XIV.

O basamento levanta un total duns 50 cm e conta cunha forma redondeada en planta e de sección tendente a trococónica. Actualmente poden verse desperfectos, traducidos en perda de material, no reborde superior que faría as veces de anel de suxeición do fuste.

Sobre esta basa existen diversas referencias documentais. A máis antiga retrotráese ó ano 1903, da man do erudito, investigador e médico melidao Eduardo Álvarez Carballido, quen a describe do seguinte xeito: “Sirve de basamento a la columna un trozo de granito, que se eleva como 50 centímetros sobre el nivel del suelo, de forma muy irregularmente circular, y que presenta en dos puntos opuestos, unas escotaduras rectangulares, una de ellas deformada, correspondiendo a los frentes de la cruz”. Este autor describe pormenorizadamente o cruceiro, nunha data na que este se atopaba no Campo de San Roque, e nese senso refire que “... es la que se eleva entre raquíticos álamos en la villa de Mellid y en el sitio llamado Campo de San Roque”, nun escenario no que o mesmo autor sostén que “... ha visto desfilar ante si tantas generaciones y tantos mártires; de la religión unos, como a los que a sus inmediaciones pasaban en la Edad Media abandonando sus casas y familia, para venir en peregrinación a Compostela en cuya expedición a menudo sucumbían; de la política otros como las numerosas víctimas de la Primera Guerra Civil Carlista, que en el contiguo campo fueron fusiladas...”.

Tamén aporta un dato moi interesante no que se refire á unión do varal coa cruz, e nese senso afirma que “este monumento, contemporáneo sin duda alguna, de la Ermita de San Sebastián, citada por Huerta, en los primeros tiempos de la Reconquista y a cuya ermita vino a sustituir la Capilla de San Roque, no atravesó tantas centurias sin sufrir desperfectos. En efecto, por la unión de la vara y la cruz una mano estúpida le rompió, y por una de esas rarezas en que el sentimiento religioso vino a salvar la obra de arte, fue enmendada la fractura uniendo ambas piezas, con un sólido pero tosco anillo de hierro y unas cuñas tan mal colocadas, como impropias por su materia y forma de ocupar tal lugar”.

A segunda referencia que sobre o cruceiro temos, atopámola no libro Terra de Melide (1933), e sostense que “o basamento do cruceiro érguese a 50 cm do chan e o fuste ochavado mede 3 metros de outo”.

A terceira referencia atopámola nun traballo de Broz Rei datado no ano 1983, no que se fala de que o cruceiro “está á beira da igrexa de San Roque, do lado dereito, pra onde foi trasladado recentemente, pois antes estaba no lado esquerdo sobre un pedestal de pedra sin labrar. Agora érguese sobre unha plataforma escalonada moi pouco axeitada ó carácter do cruceiro. Noutro tempo estivo no Campo de San Roque, onde se facía a feira. Tamén tivo a disgracia de andar tirado e esquencido, hastra que se ergueu de novo polo celo de Don Antón Taboada Roca”.

Este mesmo autor recolle que “cando o cruceiro estaba no Campo de San Roque tiña unhas gradas a xeito inverso, pois o campo quedaba máis baixo que a estrada. Estaba rodeado por grandes arbres: olmos e carballos... Tamén había perto do crueceiro, un palco de música de pedra e con balconada de ferro... Tamén se facía neste campo a feira de gando. Logo foi cando se plantexou a modernización e cortáronse estes arbres e mudouse o cruceiro”.

Así pois vemos que o cruceiro estivo en tres emprazamentos distintos ó longo do século XX e que estaba asentado sobre ese pedestal ata comezos da década de 1980.

BIBLIOGRAFÍA:

- Álvarez Carballido, Eduardo: “El crucero de San Roque de Mellid”. Publicado en "Galicia Diplomática", nº 11, ano 1893 e recollido no Boletín nº 22 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2009.

- Broz Rei, Xosé Manuel: “Os cruceiros da Terra de Melide”. Publicado no Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses- Museo da Terra de Melide, ano 1983.

- Broz Rei, Xosé Manuel: “A Terra de Melide”. Publicado no ano 2001.

- Carro, Xesús; Camps, Emilio; Fernández Oxea, Xosé Ramón: “Arqueoloxía relixiosa de Melide”. Publicado no Terra de Melide, ano 1933.

Outros elementos do catálogo