Sartego medieval de Serantes

Sartego medieval de Serantes

Información

Tipo: 
Elemento singular
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Malo
Concello - Parroquia: 
Santiso - Santaia de Serantes
Situación detallada: 
Eirexe
Cronoloxía: 
Idade Media

Coordenadas

Latitude: 
42º 52´ 15,86´´ N
Lonxitude: 
8º 2´ 4,40´´ W
X: 
578.856,36
Y: 
4.746.949,80
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Servindo de pilón de evacuación de augas dun longo bebedoiro realizado en cemento, e nun plano inferior ó mesmo, empregouse unha caixa de sartego antropomorfo de cronoloxía medieval. Debido a esta circunstancia este elemento funerario resultou gravemente modificado nos seus remates ou extremos distais. Con todo e a pesar da descontextualización do sartego e das alteracións sufridas, trátase dun elemento interesante que a falla doutros datos todo leva a asocialo á cercana igrexa parroquial de Santa Eualia de Serantes, situada a tan só 88 metros en dirección leste-norleste do mesmo.

Aínda que se descoñece a data fundacional da igrexa, aparece a parroquia xa nomeada a comezos do século XIII, mais a advocación a Santa Eulalia de Mérida (mártir do século IV), xa apunta a unha fundación moi remota no tempo. En canto á cronoloxía exacta do sartego non resulta doado precisala, pero podería adscribirse tanto ós séculos altomedievais coma ós da plena Idade Media e nos xermolos da arquitectura románica.

O sartego presenta coma xa se indicou mutilacións nos seus extremos e acusados rebaixes nos bordes superiores, posto que en orixe estarían "a nivel", para favorecer o pousado da tampa ou lauda de cuberta. As medidas que presenta son de 1,85 metros de longo e 65 cm. de ancho na cabeceira e 46 cm. nos pes. A altura exterior é de 38 cm. mentres que a interior oscila entre os 24 cm. na zona dos ombreiros e 21 cm. na zona dos pes. No interior presenta unha anchura de 45 cm. no engrosamento para os ombreiros  e 24 cm. na parte da cabeza.

A peza está asentada sobre dous soportes ou piares de cemento. 

Trátase do único exemplo coñecido deste tipo de elemento funerario existente no termo municipal de Santiso, e dos poucos que hai documentados na Terra de Melide. Coñécese un exento na aldea de Riocobo (parroquia do Barreiro, Melide), e outros escavados na rocha na igrexa de Santa María de Melide, na igrexa da Capela (Toques), ou tamén nas proximidades á aldea de Artoño (Agolada), sendo máis abundantes na veciña bisbarra da Ulloa.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", publicado no ano 2013.  

Outros elementos do catálogo