Pazo da Encomenda en Furelos

Pazo da Encomenda en Furelos

Información

Tipo: 
Arquitectura civil
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Melide - San Xoán de Furelos
Situación detallada: 
Furelos
Cronoloxía: 
Século XVI

Coordenadas

Latitude: 
42º 54´ 35,11´´ N
Lonxitude: 
7º 59´ 56,79´´ W
X: 
581.700,59
Y: 
4.751.278,89
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

A aldea medieval de Furelos é moi destacada a nivel patrimonial, xa que conta cunha ponte medieval, un encoramento do río de destacado interese histórico, a igrexa parroquial con restos da fábrica románica, un cruceiro no seu adro, varias casas antigas de raigame medieval con portas con mochetas sobresaíntes de apoio dos linteis, unha capela da Santa Cruz e, dun xeito destacado, o propio trazado do Camiño Francés.

Tamén chama moito a atención a presencia dunha ampla edificación pacega, correspondente á Casa Reitoral parroquial, pero que no seu momento foi casa pazo da Encomenda de Portomarín.

Resulta complicado facer unha síntese dun inmoble tan senlleiro, pero moito máis facer un resumo do poder e das propiedades que posuía a Encomenda de Portomarín nestas terras.

Respecto á edificación destacaremos que se trata dunha casona de planta rectangular que mide uns 24 metros no eixo NE-SO e uns 8 metros no eixo NO-SE. O inmoble artéllase en dúas plantas e conta cun tellado a tres augas.

A casa destaca pola sobriedade compositiva e como aspecto máis relevante teriamos a propia portada, correspondente a un arco de medio punto, con xambas e doelas de cantería de granito (conta con sete doelas contando os salmeres e a crave do arco). Observando a fachada resulta doado comprender como se produciron diversas obras de reforma que alteraron a súa faciana orixinal, de feito o balcón situado no segundo andar mesmo chaga a alterar o arco da porta, encastrándose nunha das doelas. Obsérvase como as reformas aludidas teñen que ver coa apertura e modificación dalgúns dos seu vanos.

Xosé Manuel Broz Rei sitúa a edificación da casa no século XVI apuntando que foi reconstruída e que se empregaron pedras da antiga construción na edificación presente. Nese senso compre subliñar que foi no ano 2009 cando o párroco de Furelos naquel entón, descubriu unha interesante pedra con inscrición que foi reempregada como parte da xamba dereita da xanela  do extremo esquerdo do piso superior. A inscrición non puido resultar máis reveladora, posto que foi a confirmación de que a edificación se remonta en orixe ó século XVI e que foi mandada edificar polo ilmo. señor Luís García Becerra, comendador de Portomarín.

Como refire Broz, en numerosos traballos, “Furelos pertenceu á Encomenda de Portomarín, rexentada pola Orde de San Juan de Jerusalén ou de Malta, chamados tamén hospitalarios polo seu servizo aos peregrinos Santiago; esta é a razón da súa presenza en Furelos, no  Hospital das Seixas, e quizais no hospital de San Pedro de Melide e no do Leboreiro...”.

En Furelos posuía esta casa no barrio identificado como “A Torre” e a presa da Encomenda ou do Comendador, que se atopa ó pé da Ponte medieval de Furelos, augas abaixo, que actuaría de criadeiro e cebadeiro de troitas para proveito do Comendador.

A Orde era propietaria do Couto de San Xoán de Furelos , sendo pois un señorío da Encomenda de Portomarín. O Comendador exercía xurisdición civil e criminal  e percibía cobro de rendas.

Na contorna de Melide posuían moitos lugares, montes e pastos e na propia vila de Melide posuían unha casa que se atopaba incluída dentro do peche do Convento de Sancti Spiritus.

Nesta entrada non se considera necesario facer unha relación de todas as propiedades e dos límites da demarcación do Couto de Furelos, que como xa se sinalou era moi destacada.

Broz Rei afirma que cando se produce a desamortización de Mendizábal, no ano 1835 os bens pasan a mans do Estado, que procede á súa venda e subasta. Aí esmorecería o Couto de Furelos e poñeríase fin ó vínculo coa encomenda de Portomarín que, como xa se dixo, exercía xurisdición civil e criminal e tamén espiritual. Proba do exercicio xurisdicional é que a casa contaba con cárcere e cunha picota da xustiza nos límites coa vila de Melide.

BIBLIOGRAFÍA:

- “Un novo achado no patrimonio”. Publicado no Boletín nº22 do Centro de Estudios Melidenses- Museo da terra de Melide, ano 2009.

-Broz Rei, Xosé Manuel: “A casa da Encomenda de Portomarín”. Publicado no Boletín nº23 do Centro de Estudios Melidenses- Museo da Terra de Melide, ano 2010.

-Broz Rei, Xosé Manuel: “Furelos da Encomenda de Portomarín”. Publicado no Boletín nº28 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2015.

-Broz Rei, Xosé Manuel: “Furelos, da Encomenda de Portomarín”. Publicado no Boletín nº30 do Centro de Estudios Melidenses- Museo da Terra de Melide, ano 2017.

-Broz Rei, Xosé Manuel: “Furelos, da Encomenda de Portomarín (continuación)”. Publicado no Boletín nº32 do Centro de Estudios Melidenses- Museo da Terra de Melide, ano 2019.

 

 

Outros elementos do catálogo