Ruínas do Mosteiro de San Antoíño de Toques

Ruínas do Mosteiro de San Antoíño de Toques

Información

Tipo: 
Elemento arqueolóxico
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Malo
Concello - Parroquia: 
Toques - Santa María da Capela
Situación detallada: 
A Capela
Cronoloxía: 
Aproximadamente séculos XIV-XV

Coordenadas

Latitude: 
42º 58´ 41,17´´ N
Lonxitude: 
7º 59´ 0,46´´ W
X: 
582.886,11
Y: 
4.758.884,35
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Vídeo

Descrición

O complexo monumental e arqueolóxico de Santo Antoíño de Toques é considerado o principal conxunto histórico-artístico da Terra de Melide. Unha consideración bastante atinada, xa que nun marco paisaxístico de indubidable interese ambiental mestúranse diversas edificacións históricas de desigual relevancia: igrexa prerrománica do vello cenobio bieito (hoxe igrexa parroquial de Santa María da Capela), campanario exento e separado da igrexa, cruceiro parroquial, ruínas das antigas dependencias monásticas (con restos dunha fábrica de puntas e arame instalada posteriormente aproveitando parte das estruturas claustrais),  ponte medieval sobre o Río da Toca e tamén un conxunto de vivendas de periodización decimonónica, de residencia dos traballadores do complexo fabril. A todas estas estruturas materiais encravadas nunha fraga de arborado autóctono hai que engadirlle un rico patrimonio inmaterial, traducido nunha rica tradición oral na que se conxugan variables devocionais e piadosas con narracións lendarias.

Dentro das primeiras é de destacar a devoción do San Blas (festividade o día 3 de febreiro), cando os doentes da gorxa acudían á Capela para facer rogativas e ofrecementos, celebrándose unha subasta moi afamada de linguas de porco. E entre as segundas resulta moi curiosa unha lenda que fala dunha maldición que ten como escenario á igrexa da Capela e tamén o complexo fabril metalúrxico instalado nas abandonadas dependencias do mosteiro despois da Desamortización.

A igrexa da Capela edifícase por doazón do rei Don García,  no ano 1067, sendo o seu fundador o abade Tanoi e eríxese en abadía bieita independente. Aínda que no ano 1515 pasa a convertirse nun priorado dependente do mosteiro compostelán de San Paio de Antealtares e posteriormente de San Martiño Pinario, rexido por un prior baixo a obediencia do abade deste último.

Adosado á igrexa polo lado norte atópanse as ruínas das dependencias monásticas, entre as que discorre canalizado o río da toca, tamén coñecido como rego Pequeno ou Pedriña (pola presenza augas arriba da ponte do mesmo nome, na aldea dos Curros). En época medieval, en tempos da doazón do rei García, denomínase Flamosino ("ubi dicent Toccas, super riulo nomine Flamosino").

O mosteiro de San Antoiño abandónase a principios do século XIX, como consecuencia dos procesos desamortizadores.  E no espazo ocupado polas dependencias monásticas instálase en torno ó ano 1882, unha fábrica de puntas e arame, coñecida como "Unión Gallega", da que aínda se conservan restos dos fornos de fundición entre as ruínas do conxunto, no que se poden ver entre os cascallos tixolos macizos vitrificados, pola acción da elevada temperatura dos fornos, así como restos de tiras de arame de ferro enmarañados, que se empregaban para a fabricación de puntas.

Xosé Manuel Broz no seu libro "Santantoíño de Toques", fai unha pormenorizada descrición das ruínas agregando planos interpretativos das mesmas, co cal a conprensión resulta máis doada e visual. Na interpretación espacial determina a existencia de dous claustros, un da portería e outro das procesións, distribuídos en dous andares ou plantas (claustro baixo e alto). Tamén define os espazos propios das funcións da comunidade, entre eles un refectorio (ou comedor), a cociña, un muíño hidráulico, unha tafona (ou panadería) e un amplo patio de servizos para albergar cabaleirías e tullas ou depósitos de gran.

Na actualidade resultan moi vistosos os alzados murarios do complexo, sendo doadas de distinguir as zonas dos vanos das amplas portas de comunicación das dependencias, que se corresponderían cos niveis superiores (dos clautros altos).  A obra está realizada en aparello de cachote disposto en fiadas máis ou menos horizontalizadas, emprengando un aparello de maior tamaño para os esquinais dos machóns da estrutura. Por debaixo dos alzados discorre canalizado o río e con moita forza de auga debido ó acusado da pendente. Esa enerxía hidráulica resultou moi proveitosa no intre de ocupación do mosteiro, así como durante o seu abandono para poder accionar os volantes de inercia das máquinas da fábrica de puntas.

A moi escasa distancia augas arriba das ruínas sitúase a ponte medieval realizada coa técnica de laxas imbricadas en cuña, que lle confire unha especial solidez e estabilidade debida á trabazón do seu aparello construtivo. A ponte edifícase para poder entrar ás dependencias do mosteiro cando se accede por fora da igrexa, aínda que dende esta existía unha comunicación, hoxe tapiada, e que pode verse con claridade cando se bordea a ábsida do templo e se vislumbra o muro norte do mesmo.

Tamén a ponte serve de acceso ás edificacións situadas en fronte ás ruínas, que serviron como vivenda de residencia dos traballadores da fábrica de puntas, e que hoxe tamén presentan un apreciable estado de ruína.

Resulta complicado poder facer unha síntese pormenorizada de todo o conxunto (incluindo toda a vertebración e funcións dos espazos das dependencias monacais), máxime cando foron bastante modificadas nalgunhas zonas para adaptación das dependencias ás futuras necesidades fabrís, circunstancia que resulta un tanto complicada sen terse levado a cabo unha escavación arqueolóxica integral que permitiría diferenciar as fases construtivas e tamén entender completamente a configuración espacial e a compartimentación existente, máis aínda con todo resulta relativamente doado entender unha intencionalidade racionalizadora e funcional deste complexo monacal.

Actualmente as ruínas resultan bastante visibles, aínda que a tala de arborado autóctono enraizado nos seus niveis de abandono, favoreceron a proliferación de silvas e mato vexetal que impide o seu acceso cando pasan períodos continuados sen rozar, dese xeito non sempre resulta posible acceder a elas e poder contemplalas. Asemade resulta un tanto perigoso adentrarse nelas, posto que pode ser causa de accidente por achegamento ó bordo da canalización do río, o existir un acusado desnivel e altura.

BIBLIOGRAFÍA:

- Álvarez Carballido, Eduardo: "Monasterios olvidados: A Capela", publicado en Boeltín da Real Academia Galega, nº 9, ano 1907. (Traballo recollido no Boletín nº 22 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2009).

- Álvarez Carballido, Eduardo: "Monasterios olvidados: A Capela II (conclusión)", publicado en Boletín da Real Academia Galega, nº 9, ano 1907. (Traballo recollido no Boletín nº 22 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2009).

- Broz Rei, Xosé Manuel: "O Románico da Terra de Melide no Camiño de Santiago". Boletín nº 7 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1992.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", ano 2011.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio de Melide: As pinturas da Capela". Boletín nº 23 do Centr ode Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2010.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio de Melide: Pinturas murais da Capela". Boletín nº 24 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2011.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio da Terra de Melide: Visita a Santantoíño de Toques". Boletín nº 28 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2015.

- Carro, Xesús, Camps, Emilio e Fernández Oxea, Xosé Ramón: "Arqueoloxía relixiosa de Melide" en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.

- González Méndez, Matilde: "La revalorización del patrimonio arqueológico: la definición de un programa para el ayuntamiento de Toques". Xunta de Galicia, ano 2000.

- Platero Fernández, Carlos: "Arte Románico galego. San Antolín de Toques". Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983.

 

Outros elementos do catálogo